Monday 06 de May de 2024

A Xunta licita por 1,2 M€ servizos relacionados coas obras de construción de 351 vivendas de promoción pública en Vigo, Pontevedra, A Coruña e Santiago


— O procedemento agrúpase en lotes correspondentes aos traballos de dirección de execución e de coordinación da seguridade para a promoción dun total de edificios

— As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 14 de febreiro

— A meirande parte das VPP —201 divididas en 6 inmobles— construiranse no barrio vigués de San Paio de Navia, outras 74 están proxectadas en Valdecorvos, en Pontevedra, 40 promoveranse en Xuxán, na cidade da Coruña, e 36 na capital galega

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), iniciou esta semana o procedemento de contratación de varios traballos e servizos relacionados coas obras para a construción dun total de 351 novas vivendas de promoción pública (VPP) nos concellos de Vigo, Pontevedra, A Coruña e Santiago.
O contrato foi licitado por un orzamento inicial de 1.249.676,64 euros, IVE incluído, e está dividido en lotes —concretamente en 20— que se corresponden por un lado coa dirección de execución dos traballos e por outro, cos servizos de coordinación de seguridade e saúde para a promoción dun total de 10 edificios de carácter residencial.
Unha vez iniciado o procedemento, todas as empresas e profesionais interesados en optar a un ou varios lotes poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 14 de febreiro. Os prazos para a execución dos traballos varían entre os 51 e os 60 meses, segundo o caso.
Na actualidade o IGVS xa iniciou a tramitación das obras para construír 351 vivendas destinadas a alugueiro social nas catro cidades antes mencionadas, polo que coa licitación publicada esta semana continúa dando pasos para avanzar na súa execución.
A meirande parte delas están proxectadas en Vigo, a urbe máis grande de Galicia e a que concentra tamén o maior número de demandantes de vivenda pública e protexida de toda a Comunidade.
En concreto, trátanse de 201 VPP divididas en 6 inmobles de 38, 40, 18, 41, 18 e 46 vivendas, respectivamente. Todas estas promocións construiranse no chamado polígono 1 de San Paio de Navia —é dicir, na primeira fase da ampliación prevista neste barrio residencial vigués— e cómpre lembrar que os contratos das obras correspondentes a 5 dos 6 edificios xa foron licitados e que o restante sairá publicado proximamente.
No caso de Pontevedra, os servizos de dirección de obra e de seguridade a contratar permitirán executar 74 novas vivendas públicas en Valdecorvos, unha promoción cuxas obras foron licitadas pola Xunta a finais de decembro por 15 millóns de euros.
Así mesmo, 40 das vivendas incluídas no procedemento de contratación que acaba de publicar o IGVS promoveranse no barrio coruñés de Xuxán. Concretamente, o Goberno galego prevé destinar 7,7 millóns de euros á construción desta nova promoción residencial na cidade da Coruña, en licitación desde o pasado mes de agosto.
Por último, outros 2 lotes do contrato corresponden cun edificio de 24 VPP e outro de 12 VPP no barrio compostelán de Lamas de Abade. O investimento estimado para edificar estes 2 novos bloques de vivendas ascende a 7,2 millóns de euros, que foi o importe polo que o IGVS licitou ambas obras o mes pasado.